O pasado sábado, no marco do 26º Salón Internacional de Turismo Gastronómico (Xantar), o stand do Xeodestino Ribeiro–Carballiño converteuse no escenario dun dos actos máis emotivos e representativos da nosa tradición culinaria: a entrega de diplomas ás mulleres que mellor gardan e transmiten o saber gastronómico das dúas comarcas. Mulleres que, co seu oficio e memoria, sosteñen a identidade dunha cociña profundamente ligada ao territorio.
Un proxecto para preservar o saber do rural

“Sabedoras, cociñas e cociñeiras memorables do Ribeiro-Carballiño” é un proxecto de investigación antropolóxica promovido polo Xeodestino e centrado nas receitas tradicionais e nas súas valedoras: as mellores cociñeiras do rural. O seu obxectivo é recoller, preservar e divulgar ese patrimonio culinario, transmitido xeración tras xeración e que forma parte esencial da cultura gastronómica galega.
A presentación do proxecto e da súa guía gastronómica estivo a cargo do antropólogo Xoel Méndez, director da iniciativa, e do historiador Xavier Castro, dous grandes referentes na investigación da cultura alimentaria.
Recoñecemento ás Sabedoras das dúas comarcas
No acto participaron o presidente do Xeodestino, Francisco Fernández, e o do Inorde, Rosendo Fernández, acompañados de alcaldesas, alcaldes e representantes municipais do Carballiño e do Ribeiro.
Tres foron as sabedoras recoñecidas pola comarca do Carballiño:
- Ana Corral, de Cafés La Carballiñesa
- María José Cerviño, de Confitería Cerviño
- Pilar Fuchela, de Pulpería Fuchela
Pola súa banda, os Colleiteiros do Ribeiro, acompañaron con orgullo este acto, no que Alfredo Rodríguez, da Adega Pousadoiro, recolleu o diploma da sabedora Isabel Villanueva, do concello de Castrelo de Miño. Un xesto simbólico que reforza a importancia de tecer lazos entre viticultura, territorio e gastronomía.

Demostración e degustación: tradición e creatividade
A xornada culminou cun momento de sabor e celebración: a degustación dalgunhas receitas tradicionais das Sabedoras, elaboradas por diversas cociñeiras do Ribeiro e recollidas no receitario do proxecto. Servíronse:

- Cocido galego con petote do caldo
- Tacos mexicanos con porco e pico de gallo
- Sopas de viño
A chef Begoña Vázquez encargouse de reinterpretar algúns destes pratos desde unha mirada creativa e contemporánea, nunha demostración na que contou coa colaboración do mestre cociñeiro Manuel Garea. A súa proposta incluíu:
- Panipuri de pataca con allada emulsionada
- Gyoza frita con crema de castañas
- Xeado de viño
Un diálogo perfecto entre tradición e innovación, que permitiu apreciar como o legado das sabedoras pode seguir inspirando novas lecturas culinarias.







