A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego estrean novos contidos gastronómicos
A IXP Ternera Gallega e a IXP Vaca Galega-Boi Galego estrean novos contidos gastronómicos nas súas redes sociais con propostas adaptadas á cociña actual, consellos prácticos, técnicas de corte e preparación e receitas innovadoras que buscan dar resposta ás necesidades dos consumidores e dos profesionais cárnicos.
A serie de vídeos culinarios presentouse este mércores nun acto celebrado na sede do Consello Regulador en Santiago de Compostela, ao que asistiron representantes das dúas Indicacións Xeográficas Protexidas, do sector da carne e da cociña, creadores de contido e os chefs protagonistas.
Ternera Gallega presenta a terceira edición da súa Escola de Cociña
Ternera Gallega presentou a terceira edición da Escola de Cociña da súa canle de Youtube, onde a IXP divulga desde hai anos receitas coas que os usuarios poden coñecer a versatilidade da carne certificada e os consellos prácticos que resaltan as cualidades diferenciais do produto: moleza, zumarencia e sabor.
Nesta terceira tempada, a Denominación ofrecerá contidos adaptados ás tendencias actuais: desde o batch cooking e as preparacións para frixideira de aire ata outras elaboracións en voga, como o ramen ou o pastrami.
Tamén se incluirán pratos rápidos e sinxelos para o día a día, ideas para a prancha e unha revisión de receitas tradicionais como a boloñesa ou o rosbif.
“Os usuarios poderán coñecer todas as pezas do vacún e os seus usos culinarios, achegándose a cortes menos coñecidos pero con grandes posibilidades gastronómicas”.
Os novos vídeos tamén resolverán dúbidas frecuentes á hora de preparar carne de vacún, especialmente na prancha ou na grella, ademais de explicar conceptos técnicos como a maduración, o temperado ou o corte a contrafibra.
Chefs participantes
- Javier Rodríguez Ponte “Taky” – cátering Boketé e membro do grupo Nove.
- Xosé Manuel Mallón – chef especializado en eventos e formacións gastronómicas.
- Begoña Vázquez – Mellor Cociñeira Galega 2024 e responsable do restaurante Regueiro da Cova.
Novas propostas culinarias co vacún maior certificado
O Consello Regulador tamén presentou os novos contidos audiovisuais da IXP Vaca Galega-Boi Galego desenvolvidos para redes sociais co obxectivo de divulgar e poñer en valor as cualidades propias do vacún maior certificado e achegalo ás cociñas particulares.
Baixo a dirección de Héctor López, presidente do grupo Nove e chef do Restaurante España de Lugo, os novos vídeos mostrarán pezas singulares como o denver cut ou a bavette, ademais de profundar en cortes clásicos como:
- Lombo alto
- Lombo baixo
- Chuletón
En canto ás receitas, Héctor López ensinará a preparar desde clásicos tradicionais ata pratos da cociña internacional, como o seu premiado steak tartar, o guiso perfecto ou un katsu sando xaponés.
O chef tamén abordará cuestións clave do vacún maior, como a maduración, a infiltración da graxa e a identificación das etiquetas oficiais de “Vaca Galega” e “Boi Galego”.
Produtos galegos con selo de calidade
Nas receitas de ambas IXP, tanto de Ternera Gallega como de Vaca Galega-Boi Galego, as carnes certificadas estarán acompañadas doutros produtos autonómicos con selo de calidade.
Entre eles destacan:
- Queixos con DOP Arzúa-Ulloa
- DOP Tetilla
- DOP O Cebreiro
- DOP San Simón da Costa
- IXP Pataca de Galicia
- IXP Fabas de Lourenzá
- DO vitivinícolas galegas
Degustación final e aposta pola divulgación gastronómica
O acto de presentación rematou cunha degustación elaborada polos catro chefs colaboradores, que ofreceron unha mostra das propostas culinarias incluídas nos novos vídeos.
Con esta nova liña de contidos, o Consello Regulador continúa avanzando no seu labor de promoción e divulgación mediante formatos actuais, achegando as carnes certificadas aos consumidores, aos promotores gastronómicos e aos profesionais cárnicos, da distribución e da canle Horeca.

